A senda transcorre entre a frondosa vexetación da beira esquerda do río Sor. No seu discorrer, o Sor recolle as augas de multitude de pequenos afluentes, creando unha fonda conca de meandros encaixados entre ladeiras moi verticais. A súa auga, limpa e transparente, é de primeira calidade para a pesca deportiva.
A Ponte do Porto é un antigo e exquisito viaduto que sorprende pola súa envergadura e a súa fermosa factura de cantería con arcos de medio punto. De orixe medieval, servía para que o Camiño Real puidese sortear o río Sor. Era a vía de comunicación entre as vilas de Viveiro e Ortigueira, pertencentes cada unha delas, respectivamente, ás antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos.
A súa beira encóntrase a capela da Virxe do Porto, onde hai anos se celebraba unha gran romaría onde asistían os veciños de toda a bisbarra, quedando agora só en lembranzas.
Os bosques de ribeira forman unha galería arbórea ao longo do río de grande importancia ecolóxica. Serven como corredores verdes para a fauna. A súa sombra axuda a regular a temperatura das augas do río, manténdoa case constante, especialmente no verán e ademais actúan de filtro verde purificando as augas que se incorporan ás correntes.
O Sor circula polo seu leito transportando materiais diversos. En certos lugares no que o leito se agranda moito se producen acumulacións de sedimentos que forman ao longo do tempo illas. Estes anacos de terra vexetados son moi importantes para a flora e fauna do río, por que ofrecen un lugar protexido, illado da influencia dos humanos e dos predadores. Polo tanto son uns espazos moi valiosos para a conservación da biodiversidade.
No Sor viven dous mamíferos ben adaptados a vivir na auga dos nosos ríos, sempre que estean ben conservados: a lontra e o augueiro.
Da lontra o máis probable é que só vexamos as evidencias da súa existencia: ben as súas pegadas ou ben os seus excrementos. Precisa augas limpas e ecosistemas ben conservados para poder vivir. Este mamífero está perfectamente adaptado a vida no río, e pode chegar a nadar a unha velocidade de 11 km/hora cando un nadador olímpico só chega a uns 7 km/h. Tamén e quen de aguantar debaixo da auga até 4 minutos. O corpo en forma de fuso e as pequenas orellas para reducir a resistencia á auga, as patas traseiras palmeadas e a súa cola aplanada como un temón, son algunhas das adaptacións deste mamífero que volveu ao mundo acuático e que se alimenta fundamentalmente de peixes que caza sorprendéndoos.
O augueiro ou rato de almiscre é un pequeno mamífero nocturno da familia das toupas, pesa uns 50 gramos e non ten mais de 13 cm. de longo. Alimentase de pequenos invertebrados que captura coa axuda da súa trompa coa que levanta as pedras do fondo.
Durante o camiño, tamén poderemos gozar das áreas recreativas de Ponte Ulló e da Furada, onde existen coidados refuxios para guarecerse. Nas proximidades da Furada, unha ponte colgante permite acceder á outra beira.
E ata aquí a ruta de hoxe para o vindeiro mes iremos ata as terras de Pastoriza a facer a Ruta de Maeloc.
Powered by Wikiloc
